BENS ETNOGRÁFICOS

Segundo a tradición, Cotobade é terra de afamados canteiros que traballaban por toda España e eran coñecidos coa denominación popular de "barrocos" (esta denominación ten relación co estilo arquitectónico do mesmo nome). Entre os máis importantes mestres destaca Cerviño, natural de Augasantas, autor dos cruceiros de Hío, Covelo e Ponteareas entre outros.

Destaca tamén a abundancia de muíños de auga nas marxes dos ríos Almofrei, Lérez e Barbeira, as canles de auga e lavadoiros de pedra, petos de Ánimas -sinxelos monumentos de piedade popular asociados á idea do purgatorio-, frecuentes en camiños e encrucilladas como o do Trebello ou o de Famelga en Augasantas. A neveira de Caroi no Monte do Seixo, construída para recoller a neve e conservala para o verán ou os foxos do lobo; construcións tradicionais empregadas para dar caza ao lobo. Destacan os de Corredoira, Carballedo e Valongo.