BENS ARQUEOLÓXICOS

A ocupación das terras que forman hoxe en día o concello de Cotobade empezou en época bastante antiga, como testemuñan a abundancia de restos arqueolóxicos repartidos por toda a súa xeografía. Encóntranse catalogados máis de 150 entre mámoas, castros e petróglifos.

Destacan os petróglifos situados na conca do Lérez, na parroquia de San Xurxo de Sacos, pola súa abundancia e variedade dos motivos representados (círculos concéntricos, escenas de monta e caza, cérvidos, antropomorfos, cazoletas, cruciformes...). Entre os máis senlleiros están: Pedra das Ferraduras e Laxe dos Cebros en Fentáns, e os petróglifos de Outeiro de Lombo da Costa, no límite entre Santa María de Sacos e San Xurxo de Sacos, onde hai localizados un total de trinta e sete grupos de gravados.

Entre os castros, destaca A Cividá, en San Xurxo de Sacos, pola súa singularidade na estrutura, e na conformación do seu complexo defensivo. Ademais, aos pés do parapeto que rodea o recinto superior localízase unha rocha plana cun conxunto de gravados diversos: combinacións circulares, cruces e outros motivos esquemáticos de difícil lectura.

A Comunidade Veciñal de Montes en Man Común de Carballedo iniciou no ano 2006 un proxecto de recuperación do seu patrimonio no que se levou a cabo a escavación do xacemento Cruz do Castro baixo a dirección do arqueólogo Ángel Concheiro. Trátase dun castro da segunda idade do ferro, reocupado en época romana, onde se localizou, entre outros bens mobles, un pendente de ouro de época romana.